¿Canto custa un quilo de merda?


Aproximadamente -3c€/Kg é o prezo por xunto na comarca coruñesa segundo os datos publicados por La Opinión, supoño que taxas e transporte aparte. O valor é negativo porque o importe págao o vendedor, non o comprador, calquera idea que aproximara este valor a cero sería ben recibida porque os residuos son o pesadelo hiperconsumista.
Ademais do barato que é o lixo, a noticia anterior tamén revela algo que moitas persoas se cadra descoñecían, un tráfico semioculto (barely legal) de camións de vertedoiro en vertedoiro. A ruta fedorenta pasa, ¿como non?, polo concello arteixán que ten a honra de estar no circuíto Coruña-Cerceda, con razón di Losada que os malos cheiros veñen sempre de Arteixo.
Quen estea libre de pecado...
Actualización 2.2.09: Leo en El Correo Gallego edición de papel que, segundo o PP, o vertedoiro de Areosa (Cerceda) recibe 500.000T de lixo cada mes, supoñendo que querían dicir cada ano e aplicando as regras aritméticas habituais, isto tradúcese nunha facturación non inferior a 12.5M€. Fermosa cifra que só é unha parte (rexeitamentos da planta de Cerceda) do total que move o sector na bisbarra coruñesa, de feito, a facturación de Sogama está entre 120 e 200M€. Lembremos que Sogama é unha sociedade de dereito público participada pola Xunta de Galicia (51%) e por Unión Fenosa (49%) que, entre outras cousas, incinera residuos para producir enerxía eléctrica e que conta con varias sociedades privadas satélite. Gran negocio o do lixo pero ¿pódese pedir transparencia entre tanto detrito?.

7 comentarios:

  1. Lamentablemente o tema do lixo é un problema cíclico. Na miña opinión, o problema radica en realizar plantas de tratamento de residuos demasiado ambiciosas que queren dar acollida masivamente aos residuos dun gran número de habitantes. Estas soen ser ineficaces, incapaces de procesar e xestionar os residuos que lles chega e polo tanto a recuperación de materia faise imposible, incrementándose o número de rexeites que van acumulándose en vertedoiros. Cando estes vertedoiros chegan ao seu límite –o que está a pasar agora en Sogama e Nostián- a situación faise insostible. A solución estaría en facer plantas máis pequenas (unha por cada 50 mil habitantes, por exemplo).
    Outro aspecto é o tema da separación en orixe. Creo que a Educación Ambiental ten un papel importante neste senso, pero quizais, esta disciplina se lle está a dar un enfoque erróneo porque normalmente confúndese con educación natural ou coñecemento do medio cando realmente se o que queremos é solucionar problemas ambientais o que se debería é crear hábitos ambientais correctos. Neste caso incidir na separación, redución, reutilización, coñecemento dos distintos materiais, etc. E dicir, educar para a acción, para o cambio.
    Creo que o próximo Conselleiro de Medio Ambiente vai ter traballo abondo neste senso. E se lle veñen moitos suores pode airearse coas palas dos aeroxenedores dos novos parques eólicos.

    iTor Ada

    ResponderEliminar
  2. Eu só vexo unha soluçao: atacar o problema en orixe cunha taxa (¿outra máis?) ó fabricante, non ó consumidor, deseñada para disuadir máis que para recadar -na liña Kyoto-; o gravame debería ser proporcional á cantidade e toxicidade dos residuos que xerara un produto durante a súa vida útil, hai unha corrente demagóxica que tende a cargar nos consumidores exclusivamente a responsabilidade ambiental (reduza, reutilice, recicle) e que non estaría de máis cambiar.
    Falouse moito e creo que interesadamente de que a Consellería de Industria cagaba ovos de ouro eólico, pero ¿que pasa con medio ambiente por exemplo?, ¿Non move cantidades astronómicas por activa ou por pasiva?. Hai unhas semanas Márquez explicaba en Radio Arteixo que o custo de tratar os lodos acumulados no encoro de Sabón fai prohibitivo o seu dragado, mmhh... as contas marean pero só cando se botan.

    iTor Tilla

    ResponderEliminar
  3. Coincido plenamente en que a administración non pode poñer máis cargas das debidas ao cidadán. Pero no tema que nos atinxe, dáse a circunstancia, ao meu entender, que o cidadán é peza fundamental, tanto a hora de mercar como a hora de desfacerse dos residuos. A hora de recoller o lixo non estamos pedindo que o cidadán faga algo a maiores, nin que se sacrifique, senón que cambie os hábitos a hora de xestionar o lixo. Solo se pide que os residuos se separen debidamente. E isto é algo estrictamente persoal, de cada fogar, de cada familia. É intransferible. Ninguén o poderá facer por eles. E, lamentablemente, as malas practicas neste proceder persisten a día de hoxe.
    Por outra banda, o gravame proporcional á toxicidade creo que non acabaría solucionando parte do problema porque na xestión dos residuos entran outros factores como a cantidade, a lonxevidade, a súa estabilidade, etc. A modo de exemplo, a día de hoxe as pilas estanse reciclando nun alto grado; en cambio unha simple bolsa de plástico non sempre se lle da tratamento adecuado -por certo, as bolsas de plástico na que se recolle o lixo son un grande problema para os dixestores de Nostián-. E todos coincidiremos que as pilas son máis tóxicas que as bolsas de plástico.
    Como diría un bo compañeiro de escola “a solución sendo simple é complexa” . E creo que é así, porque gastar os cartos en infraestructuras e en festas está ben visto para un político pero enterrar os cartos na merda, sacatemedeai!!!!!

    iTor Ada

    ResponderEliminar
  4. Estou con iTor Tilla, o camiño a seguir son as taxas tipo Kioto porque a letra con sangue entra. O consumidor é parte fundamental facilitando (ou non) a separación e a recollida, pero ¿que pode facer cando as galletas veñen baixo 20 capas de plástico? O que se fixo en Kioto debería xeneralizarse a calquera sector produtivo ou: "quen contamina paga 2ª parte", porque está visto que deixarllo todo ó consumidor non dá resultado.

    iTor Cido

    ResponderEliminar
  5. Lamento discrepar profundamente no tema de Kyoto. Creo que Kyoto, ademais de ser inxusto, está a ser un fracaso en toda regra. Todos sabemos que os países ricos compran dereitos de emisión aos países pobres, excepto EEUU que rexeitou rotundamente acollerse a Kyoto –quizáis é a postura mais coherente, polo menos non engana a ninguén- . Con todo, extrapolar isto para tentar solucionar o problema dos residuos poñendo un gravame aos produtores paréceme bastante cruel. Recordemos, que non todos os produtos teñen a mesma penetración no mercado – la cocacola se vende sola, pero el Biter Kas le cuesta un poco más- aínda que os envases teñan a mesma carga contaminante. Se aplicamos Kyoto aos produtores de bens, nos cargariamos definitivamente aos pequenos produtores en beneficio das grandes empresas, as que teñen máis marxe para afrontar esta taxa, as que poden mercar dereitos a outras empresas. É dicir, lle estariamos facendo unha autoestrada a Don Monopolio – e eu creo que de momento é mellor que vaia por camiños e corredoiras-. E ,ao final, o que teriamos no mercado serían os mesmo produtos, cos mesmos envases, coa mesma carga contaminante –o que está pasando coas emisións de CO2- , incluso cos mesmos prezos, pero todos eles abandeirados por dúas ou tres multinacionais.

    iTor Ada

    ResponderEliminar
  6. Penso que deberíamos tornar á compra a granel, a empregar o carriño da compra, etc. Creo que a ecotasa minimizaría a producción de residuos, pero non solucionaría o problema do tratamento. Ademáis, creo que este imposto se poña onde se poña, quen o vai a acabar pagando vai a ser o cidadán de a pé e tamén creo que sería unha boa "estocada" para o pequeno empresario.

    iTor Ero

    ResponderEliminar
  7. Kioto é un fracaso político desde o nacemento, e un fracaso porque non se fai cumprir, de acordo. Pero eu pregunto ¿Kioto mellora ou empeora a situación?. Xa abonda de espoliar os bens públicos pola cara, e non me digades que isto beneficia ós grandes porque non é certo, USA non quixo asinar. Para que comprar os dereitos de emisión de CO2 a países pobres si podes contaminar gratis?.
    Non vexo por que unha ecotaxa perxudicaría ós pequenos produtores e beneficiaría ós monopolios, dependerá de como se deseñe e aplique. Tampouco creo que repercuta sempre no consumidor final, en sectores onde existe competencia efectiva non é doado subir os prezos.
    E sobre todo: non necesitades convencerme de que se pagan demasiados impostos. Hai moitas taxas que deberían desaparecer pero non esta. Se as grandes marcas de automóbiles tiveran o seu Kioto particular se cadra estaban fabricando coches eléctricos (pensade se neste caso o consumidor final pagaría máis ou menos).

    iTor Cido

    ResponderEliminar