O xogo das tres pedras


Corrían os anos oitenta. A rapazada nada na década dos setenta e nos propios oitenta tiñamos cita cada tarde de primavera e verán en El Parque. Se a meteoroloxía e os deberes do colexio o permitían tamén baixamos en época non estival. Eran tempos nos que a oferta de actividades no concello era mínima: Atlético de Arteixo ou Xiradela. A opción do fútbol era a dominadora. Nembargantes, a opción de Xiradela foi unha boa aposta de futuro para os nenos (xénero masculino) por mor de que o ratio nena/neno era moi elevado, cousa que se agradeceu a partires da puberdade. Isto compensou con creces que te adxectivaran de marica cada vez que dicías que ías para Xiradela. Con todo, ámbalas dúas institucións fixeron unha boa labor en tempos onde se vía nacer e medrar a herba, non pola tema da intelixencia, senón porque non había máis que roer.

El Parque e o Balneario eran os únicos lugares de esparexemento que tiñamos os cativos, á marxe doutros non estándares, coma obras sen terminar, a Penouqueira, os solares que abundaban pola contorna do que hoxe coñecemos coma a Peatonal -nos cales se establecían polas festas os coches de choque e o escalextri-, e tamén, si a idade che permitía cruzar "la general" podías gozar da pista polideportiva da Casa da Pradera -agora situada en Larín- ou facer travesuras nalgunha nave abandonada do polígono. Eran as infraestruturas coas que se contaba. Fabas contadas.

En El Parque xuntábamonos unha vintena de rapaces – a veces algún máis-. Chama a atención que A Coruña se denomine agora a Cidade dos Barrios, pero circunstancialmente en Arteixo por aquel tempo xa tiñamos ben delimitados as zonas de procedencia de cada neno: os de Radisgal, os da Cachada, os da Baiuca, os da Catuxa, os de Candame os do Balneario ou os do Centro. Algunha vez baixaban los del Alto o cal facía aumentar as probalidades de trifulca, sobre todo cos da zona de Radisgal, aínda que cada barrio foi tendo o seu apoxeo en canto a forza bruta se refire.

El Parque tiña -e ten- tres espazos ben diferenciados: a planta baixa na que se xogaba ao paredón e aos bancos; unha segunda planta que era onde se desenvolvía o xogo de As tres pedras e unha terceira na parte máis alta e mais cercana ao Concello que contaba cun areeiro, tobogáns e bambáns, normalmente para os máis cativos. Paradoxalmente, a segunda planta apenas se modulou desde entón. Séguese conservando as illas simétricas e axardinadas das esquinas e laterais e o círculo central onde se situaba a palmeira.

O xogo en si o practicaban dous equipos constituídos por un número non concreto de nenos -as veces incorporábase algunha nena, pero menos-. E dicir, podíase xogar un 5 contra 5, un 7 contra 7 e se era venres pola tarde era moi probable chegar a un 12 contra 12. Incluso dependendo da idade os equipos non tiñan porque coincidir en número, se o equilibrio de forzas así o esixía. O terreo de xogo dividíase cunha liña medianeira en dúas partes iguais. A liña facíase preferiblemente cun anaco de escaiola -se non había dispoñible este recurso empregábase un cacho de ladrillo- e discorría polo círculo central cara o centro das escaleiras da terceira planta por un lado e cara o centro das escaleiras de primeira planta por outro. Cada parte era un espello exacto da outra parte, salvando a xente que puidera estar sentada nos famosos bancos de formigón revestidos de pedras, e que as veces incomodaba o desenvolvemento normal do xogo. No centro de cada campo e no extremo máis lonxano á liña medianeira facíase un círculo pequeno onde se situaban as tres pedras -as pedras era un recurso para entón tan abundante como preciado-. Cada equipo tiña que defender as súas pedras e roubar para o círculo do seu campo as pedras do contrincante. Se algún xogador dun equipo era tocado en campo contrario este tiña que pandar inmóbil até que algún do seu equipo o librara. O xogo remataba cando un equipo xuntaba as seis pedras no seu círculo, dándose este por vitorioso.

A fin dunha partida marcaba o comezo doutra cos pertinentes descansos para ir a beber a fonte das Cabancas -de maneira preferible-, xa que a da Baiuca botaba auga morna e ademais comentábase que estaba contaminada.

O que escribe nada sabe de cómo comezou o xogo nin quen o implantou ou si xurdiu do contexto e da necesidade dos rapaces de entón. Perdeuse constancia del, moi a comezos dos anos noventa.

O xuízo verbal é o xuízo final

Case todo é bo para o demandante nos xuízos verbais. A Lei de Axuizamiento Civil prevé a posibilidade de reclamar, a través de Xuízo Verbal, cantidades que non excedan de 900€, sen necesidade da asistencia de avogado nin de procurador, co conseguinte aforro que isto supón á hora de recorrer á xustiza. Este procedemento está regulado nos artigos 437-447 da citada lei que tamén establece o proceso monitorio para cantidades de ata 30.000€ sempre que se refiran a débedas de cartos, vencidas, esixibles e acreditables documentalmente.
Non é preciso ter presentado con anterioridade reclamación ningunha ante outros organismos como pode ser o Instituto Nacional de Consumo (a miña experiencia é que estas reclamacións adoitan ser infrutuosas), e supón unha saída honrosa para o cidadán que sofre en silenzo os pequenos abusos das grandes compañías que saben que os seus clientes renuncian, en moitos casos, á vía xudicial por medo a gastar máis do reclamado.
Para iniciar o proceso só temos que cubrir este modelo galego/castelán, que inclúe instrucións, e entregalo, xunto cos documentos que acheguemos, con tantas copias como partes implicadas (normalmente dúas copias) no decanato dos xulgados.
Déixovos unha guía polo miúdo editada pola unidade de atención cidadá do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Que facedes?, aínda estades aí mirando? ;)

Margarida da CDU

Ía polo campo e atopei esta margarida que quero compartir convosco. Podedes esfollala, para ver se vos queren -ou non-, pero tamén podedes usala nalgunha biblioteca infantil ou escolar para aprenderlle aos máis cativos a Clasificación Decimal Universal.

A imaxe foi deseñada como elemento de sinalización de gran tamaño (arredor de 70 cm de diámetro), e como nas bibliotecas nunca sobra o presuposto, propoñémosvos un sistema de reprodución económico usando papel A4. Necesítase un pouco de tempo, tesoiras e cola; podedes xuntar un grupo de rapaces e propoñerllo como actividade dentro da biblioteca (algo parecido ao que fai Nike con nenos do terceiro mundo).

E se precisades axuda profesional e boas ideas para organizar a vosa biblioteca, podedes poñervos en contacto con Rosa Destar enviando un correo a rosadestar arroba hotmail punto com. Para imprimir ou descargar este PDF seleccionade a icona da dereita "abrir nunha ventá nova"

Sostible (I)


Sostible. Esa é a palabra clave. É o adxectivo que converte ou enmascara en algo perdurable calquera substantivo de dubidosa reputación ou evolución. Así, falamos de desenvolvemento sostible, de economía sostible, de xestión sostible, etc. Incluso, de luxo sostible lin ultimamente por aí. Pois ben, tralo fracaso de Copenhague, xa sabemos que de momento nada será sostible, nin ten trazas de converterse en sostible. Tampouco a famosa “Lei de la Economía Sostenible” (S.O.S.temible, se puido ler nalgún foro); non valerá para nada. Nothing!. Medidas sostibles as que propón a lei (non todas) nun sistema insostible. Aí, está a clave; vivimos nun sistema insostible e nos diriximos a un mundo cada vez máis insostible, agravado polo problema da superpoboación.

Agora ben, na miña opinión, a solución está en es tres piares básicos para adxectivar sostiblemente todos aqueles substantivos que nos podamos imaxinar (economía, paz, sociedade, vida, agro, etc.). Estes son:

  1. Fonte de enerxía renovable e limpa. O sol será a nosa única opción.
  2. Recuperación total da materia dos nosos residuos e refugallos.
  3. Ordenación intelixente do territorio, preservando os ecosistemas claves e sustentadores da vida.

Evidentemente, estes son os tres piares básicos dos que deberán emanar outras liñas de actuación necesarias no ámbito social, económico e ambiental para chegar a un modelo sostible. Pero, sen estes tres piares nada poderá ser sostible.

Emporiso, tampouco aqueles que pretendan un cambio profundo no modelo económico, aqueles que pidan unha maior liberalización do mercado con reformas estruturais ou aqueles que soliciten unha reforma do sistema financieiro para lograr unha economía sostible están no certo. Esquécense unha vez máis de que a Terra é finita (No quero decir con isto que non faga falla reformas económicas específicas e profundas, pero non serán nunca a solución final). E, se entendemos que a Economía é a disciplina que dispón os recursos da Terra á sociedade -falando desde o punto de vista antropocéntrico-. Como, se entendería así, -con simples e profundas reformas economicistas- unha economía sostible? Continuará...

Este Nadal regala cultura. Pero, esa que sabes...

Non son moi dado aos regalos de Nadal e menos a meterme nas tendas e en centros comercias por estas datas. O ambiente me provoca ansiedade. A xente se transforma, se modula, parece que se vai a acabar o mundo (algo parecido a cando circulamos co coche e chegamos a unha rotonda). Pero o tema é que como recibes tamén tes que dar. Ou como das, tamén recibes. (Supoño que será como o do ovo e o da galiña). Pois ben, onte nunha comida na que a TV furrulaba de fondo oín “regala cultura”. Non me deu tempo a sentir máis. Pero o tema quedoume cavilando na cabeza. Supuxen que sería algo relacionado co Ministerio de Cultura (mcu, non confundir con Movemento Circulrar Uniforme). E, efectivamente, hoxe cando comecei o surfeo cotián fun a páxina do mcu, e xa vin en primeira liña a nova campaña: Estas Navidades regala cultura; La cultura es algo que lo envuelve todo.

Con todo, ao respecto desta campaña quixera afondar en dous aspectos:

Primeira aspecto: Realmente, que é a cultura? Máis o menos, creo que todos temos unha idea preconcibida do que é a cultura. Por exemplo, saber quen escribiu o Quixote é cultura, e se alguén o descoñece, dise del que é un inculto. Até aquí creo que podemos coincidir todos. Pero, coñecer a Teoría de cordas, é cultura? Ou algo máis sinxelo, coñecer a función que desenvolve o páncreas e saber onde está situado no noso corpo, é cultura?. E, si algúen descoñece tanto a Teoría de cordas como as funcións que o páncreas realiza, se lle chama inculto? Na miña opinión, é que NON. E disto, desgraciadamente non ten toda a culpa a nosa ministra, González SInde. O problema é que temos unha visión moi parcializada do que é a cultura que está moi desprazada cara as humanidades e cara as disciplinas artísticas. Isto é un gran erro.

Segundo aspecto: Resulta que nos spots que se están a emitir -pódense ver na paxina do mcu- se fai referencia a música, literatura, cine e artes escénicas. Pero, que casualidade! Todas as disciplinas aludidas están no ollo do furacán polo dichoso reclamo das regalías. Pero, señora González Sinde, porque tan só se promove esa cultura? E porque non se fai un spot para promocionar as páxinas colaborativas da internet como a wikipedia ou páxinas de software ou música libre, porque coincidirá conmigo que hoxe por hoxe, ese tipo de páxinas proporcionan un acceso áxil, rápido e eficaz á cultura. Pero, supoño que a señora ministra ten certa repelencia a ese tipo de ferramentas por mor de que o cidadán non ten que soltar monedilla. É de presumir, tamén, que será de ignorantes regalar un ordenador con SO Linux, que tampouco xera regalías, aínda que para min é cultura. E que tal Ludwig van Beethoven? Este músico non estivo en Operación Triunfo e ademais xa fai máis de 75 anos que morreu, e polo tanto, non fai caixa. Porén, me temo que tampouco entra no obxecto dos spots.

Sinceramente, creo que nos despachos do mcu chegouse a conclusión de que hai que echar una manita a “la gente de la cultura”, que se muere de hambre. Certamente, é lamentable. É lamentable que co diñeiro público o mcu tan só promova unha cultura totalmente escorada cara a espoliación do cidadán de a pé mediante os dereitos de autor abusivos -recordemos que o acceso a cultura é un dereito fundamental recollido na CE-; pero máis lamentable, é que non se apoie outras iniciativas emerxentes, por exemplo, as que se basean na intelixencia colectiva. Ao mellor, é que estas novas formas de facer cultura é de ignorantes. Pero, señora ministra, como dixo o célebre Albert Einstein: "Todos somos ignorantes; o que pasa que non todos ignoramos as mesmas cousas."

Os "incultos" tamén nos podemos columpiar


Imaxínense que se extrapolan a todos os ámbitos da vida o reclamo de dereitos de autor abusivos como os que están a reclamar os mal chamados intelectuais do noso pais. É aquí tres exemplos:

SITUACIÓN 1

O ciruxano Vieites afróntase por primeira vez a unha cardiopatía complicada. Antes de preparar o preoperatorio e a propia operación ponse en contacto co Dr. Iglesias, eminencia a nivel mundial neste tipo de operacións e, que ademais, foi profesor do propio Dr. Vieites na Universidade. Ámbolos dous médicos son empregados públicos.

VIEITES: Bos días Dr. Iglesias. Son Dr. Vietes. Como se atopa?

IGLESIAS: Home compañeiro. Canto tempo!!!

...//... (Conversación protocolaria de saúdos, etc. )

VIEITES: Pois mire Dr. Iglesias, o obxecto da miña chamada é para ver si me podería dar unhas orientacións sobre algúns aspectos dunha estenose mitral que teño que acometer e que se complica porque o paciente ten diabete e unha pequena insuficiencia renal...

IGLESIAS: Si compañeiro. Como non! A verdade que eu xa fixen varias operacións similares e lle podería pasar un pdf con algunhas indicacións da miña propia cosecha e, que ademais, será difícil que as atope na literatura básica de Cardioloxía. Iso si, o pdf custa 1000 €.

VIEITES: Como?

IGLESIAS: Si, xa sabes, o tema da propiedade intelectual.

VIEITES: ?????


SITUACIÓN 2

O electricista que me instalou o alumeado da miña casa se presenta a fin de ano para recadar os royalties derivados do suposto deseño que el me fixo:

ELECTRICISTA: Bos días. Que tal vai a instalación que lle fixen fai uns meses.

EU: Bo día. Pois, a verdade, non teño queixa.

ELECTRICISTA: Pois mire, veño a cobrarlle os dereitos de autor do deseño da miña instalación que ascenden ao 5% da facturación que a súa compañía enerxética lle cargou este ano.

EU: Como? Pero si xa lle paguei no seu momento a propia instalación.

ELECTRICISTA: Si, efectivamente. Pero mire, lle explico. Resulta que a montaxe das lámpadas responden a un deseño que eu realicei -e que teño rexistrado- e que fai que a luz se emita cun gradiente exponencial inverso, resultando que hai un reparto homoxéneo da radiación por toda a casa. Ademais, evítanse reflexos e brillos.

EU: Ah. Pois eu pensei que era unha instalación normal e corrente.

ELECTRICISTA: Pois non amigo. Veña, cancele a conta.


SITUACIÓN 3

Diríxome á Biblioteca Municipal e xusto cando abro a porta, un señor se antepón perante de min. Me saúda educadamente e me informa de que el é o arquitecto que proxectou o edificio. Estaba a reclamar os dereitos de autor polo deseño do edificio.

ARQUITECTO: Bos días mozo.

EU: Bos días.

A: Son o arquitecto que realizou o proxecto do edificio e estou aquí para cobrar os royalties do deseño a cada persoa que entra. Son dous euros a entrada.

EU: Como? Se se trata dunha Biblioteca Municipal de libre acceso.

A: Non lle digo que non, pero o deseño e meu e está rexistrado. Son dous euros.

EU:????

.........//.........

Señores intelectuais, xente da culura: Nos, a xente inculta, tamén nos podemos columpiar. E nos, -os incultos- somos albañiles, electricistas, fontaneiros, pintores (de parede), médicos, charcuteiros, carniceiros, masaxistas, arquitectos, panadeiros, enxeñeiros, avogados, periodistas, peóns, encofradores, gruístas, técnicos, administrativos, xestores, asesores, etc. E si todos actuaramos como vostedes, ADONDE IAMOS A CHEGAR?.


Que pena Copenhague!




Había un obxectivo claro:

"Establecer un acordo xurídico vinculante sobre o clima, válido en todo o mundo, e que se aplicará a partir de 2012, ano que remata Kyoto"

Pois ben, despois de dúas semanas de xuntanza, os gobernos de todo o mundo -acompañados dos mellores asesores, dos mellores economistas, dos mellores científicos- chegan a un acordo que se redacta en tres míseros folios (xa o di todo) e que se pode resumir nos seguintes ítems:

  • Acordo non vinculante
  • Non se establecen cotas de emisión
  • Non se inclúe o concepto de verificación de emisións
  • Acórdase que a temperatura non suba máis de dous grados

É dicir, non se acordan limites de emisión pero se acorda, con dos cojones, -perdón pero o enfado é monumental- que a temperatura non suba máis de dous grados. E me pregunto eu, como se fai iso? Onde esta o termóstato do clima para poder dicir dous grados arriba ou dos grados abaixo. Me cago en la ostia, que en Copenhague estaban os mellores científicos do mundo, os expertos máis cualificados en materia de Cambio Climático. Como o permiten? Que o asunto é grave! Por favor, que isto se estuda en secundaria. Que calquera rapaz sabe que os cambios climáticos non son lineais nin se poden controlar por mor da disparidade de variables sinérxicas que lle atinxen, tanto naturais como antropoxénicas (inmision de CO2 e outras substancias incrementadoras do efecto invernadoiro, efecto albedo, variacións solares, cambio dos parámetros termo – halinos das correntes mariñas, etc...) Porén, existen informes tan dispares nos que se prognostican desde glaciacións até modelos que predicen que a temperatura media do planeta pode subir varios grados.

Sen dúbida, o atentado que se fai con este acordo ao coñecemento científico é grande. Pero máis grave, é que nos venderon Copenhague como o elixir do desenvolvemento sostible onde o capitalismo deixaría paso ao modelo de desenvolvemento ambientalista, onde as chamadas economías competitivas - tan destrutivas e creadoras de desigualdades- se trocaran por enconomías competentes, máis amigables e que reducen a brecha entre ricos e pobres e ademais teñen interiorizado o concepto dunha Terra finita.

En definitiva, creo que este desatino deixa patente que ante o fracaso do modelo capitalista que desembocou na crise económica actual, o remedio está en verter mais doses de capitalismo. Xa se sabe, “semejante disuelve a lo semejante”. Que pena Copenhague!