Homo digitalis (I)

A Lei 59/2003 de sinatura electrónica, transposición da Directiva 1999/93/CE, atribúe ó Documento Nacional de Identidade (DNIe) novas utilidades, como: acreditar a identidade do titular de xeito telemático, e firmar os documentos electrónicos. O novo mecanismo permite establecer relacións legalmente válidas a través de Internet, tal e como se fixo durante máis de cincuenta anos co vello Documento no mundo físico. Quen renove o seu DNI de papel, adquire algo que antes non tiña: unha identidade dixital avalada polo Estado español.

Nas nosas relacións co notario, co banco, coa Administración..., hai dous trámites inescusables: identificarse e asinar documentos. O DNIe leva este binomio ó mundo do bit; sen estendernos en razoamentos criptográficos, a sinatura electrónica é unha operación matemática sobre un arquivo informático que permite identificar posteriormente a quen a fixo, igual que se estampara a firma caligráfica. O meu olfacto di que as vantaxes (rapidez, eficiencia, comodidade,...) hanse impoñer aos inconvenientes (dificultade de uso, maior control sobre as persoas,...).

Estritamente falando o DNIe non é algo novidoso, só é a implantación masiva do que CERES (organismo da FNMT) leva anos facendo: emitir certificados de identidade dixital. No gráfico seguinte, que forma parte dunha enquisa elaborada por este organismo, recóllense os usos maioritarios e a valoración que os cidadáns fan dos servizos telemáticos. Os certificados CERES son unha opción para os que non dispoñan de DNIe, e hai quen opina que son mellores.

A implantación masiva da identidade dixital supón un reto para as Administracións Públicas e as entidades privadas que teñen que adaptarse á nova situación, pero tamén oportunidades; por exemplo, algúns bancos xa permiten usar nos caixeiros o novo Documento, e o seu uso hase de ir xeneralizando no e-comercio. Poden consultar a seguinte relación de e-servizos, necesariamente incompleta, para comprobar en que punto do camiño estamos. O artigo anterior deste blogue contén indicacións para quen queira usar o DNIe desde casa, saiban tamén que no teléfono gratuíto 900 364 463, e máis en soporte@dnielectronico.es atoparán axuda.

Observen que o título desta entrada ameaza con soporíferas continuacións. Quen sabe...

Galinux e o DNIe. Instalación

Aí vai unha guía minimalista para usar o DNIe con Galinux. Para os usuarios de Mac recomendo as explicacións de MacPollo, e para os de Windows este PDF. A web de referencia para todos é: www.dnielectronico.es. Antes de comezar precisamos un lector de tarxetas intelixentes conectado ó ordenador, co carné de identidade inserido.

  1. Instalar os drivers do lector. Ó comprarmos un lector (arredor de 20€), debemos comprobar a compatibilidade co DNIe e mais co noso sistema operativo. O da foto (dixerindo unha tarxeta de bus urbano ;) é da empresa española C3PO. Trae un CD con drivers e manuais que non precisaramos, porque desde o Xestor de paquetes SYNAPTIC podemos instalar todo o necesario: pcscd, libccid, libpcsclite, libusb.
  2. Axustes no sistema. Resumo os pasos da Guía de instalación do DNIe que hai que seguir en Galinux. Novamente con SYNAPTIC instalamos: opensc, libopensc2, mozilla-opensc, pinentry-gtk2, openct, libopenct1, libpcsclite1, libc6, libccid, libltdl3, libopenct1, libssl0.x.x, zlib1g. Hai software propietario subministrado pola Administración que debemos descargar, descomprimir, e instalar cun dobre clic. Finalmente, reiniciamos o sistema.
  3. Axustes no navegador (hai que ter JavaScript activado). Estes axustes fanse automaticamente pero, se algo fallara, podemos proceder así: na barra de direccións de FireFox pegamos: /usr/share/opensc-dnie/instal_dnie/instala_modulo.htm e seguimos as instrucións. Procedemos igual con: /usr/share/opensc-dnie/ac_raiz_dnie.crt para instalar o certificado da Policía (marcamos as tres opcións).

Buff! "xa" está, podemos comprobar que o invento funciona facendo este test.

Novo candidato do Partido Pirata?

Saltou a lebre e esta vez non había xuíces nin ministros cerca co trabuco preparado. Emilio Botín (vídeo imprescindible) ven de solicitar á Comisión Nacional do Mercado de Valores que autorice un curral financeiro por dous anos na súa banca privada Banif. A noticia esclarece a magnitude e a natureza desta crise. Resumoo antes de explicalo: para saír rápido desta situación a banca tería que asumir perdas enormes, e iso non sucederá porque “a casa" sempre gaña.

Os bancos levan meses aceptando inmobles como pagamento de créditos que non poden cobrar. Creáronse sociedades para xestionar esta situación anómala, Altamira no caso do Santander, Anida no do BBVA, Aliseda no do Popular... Sociedades que segundo cálculos non fiables tiñan un patrimonio superior a 10.000M€ a finais de 2008. Desta maneira maquillan:

  • As estatísticas de morosidade, porque os créditos anótanse como devoltos.

  • Os beneficios dos bancos, porque os inmobles adquiridos táxanse por riba do valor real (o de mercado se se puxeran á venda).

O truco está ben pensado, só hai un problema: a liquidez. Por iso, cando os clientes do maior fondo inmobiliario español, o Banif inmobiliario, solicitaron a devolución de 2.617M€, o 80% do total investido, tocaron o corazón de Botín. A devolución desta cantidade obrigaría ó Santander a vender inmobles con descontos que superarían o 30% do valor de taxación, así está o mercado. Dito doutro xeito: o prezo da vivenda baixaría, por fin, no país onde sempre sobe. Botín saca peito e di que os cartos non se poden devolver, que hai que aplicar unha moratoria de dous anos, un "corralito", pero polo que máis queiran non usen esa palabra.

Conclusión: Non é difícil ver que os bancos dan por feito que o prezo da vivenda non baixará substancialmente, e que dentro de dous anos o peor da crise terá pasado. Se de min dependera, terían que poñer en venda a súa carteira inmobiliaria antes de recibir axuda pública, isto aceleraría as súas perdas desde logo, pero tamén a recuperación do país. O valor das letras, sexan ou non do Tesoro, é o que nos permite distinguir entre meu e teu, ou entre Banco de España e banco de España. Ogallá cheagara o despido libre para algúns.

Galinux mola!


Esta fin de semana andei enredado co GALINUX e decidín adoptalo como sistema operativo principal, as razóns non son sentimentais senón prácticas. A facilidade da instalación e o ben que funcionou todo decidírono así. Para quen queira probalo aí vai unha guía en catro pasos con axuda especialmente dirixida aos usuarios de WINDOWS:
  1. Descargar. A imaxe do CD (formato ISO: 660 MB).

  2. Gravar. Se ten un programa para gravar CD e sabe usalo adiante, senón descárgueo nesta páxina

  3. Arrancar. Reinicie o ordenador co CD do GALINUX dentro e seleccione no menú o modo de proba. O tempo de carga superará os dous minutos pero á fin comprobará se funciona correctamente no seu ordenador.

  4. Instalar. Antes de nada lea isto, e isto, imprímao, e asegúrese de comprendelo, se lle resulta moi difícil pida axuda a algún amigo con experiencia ou acuda a un profesional. Adiante, arranque como no punto anterior e seleccione a icona instalar. Poderá botar unha partida ó solitario ou navegar por internet mentres o sistema se instala.

Quen teña problemas cos pasos 1 e 2 pode optar por pedir CD e consello no punto de distribución que mellor lle cadre.

Que é? A quen vai dirixido?. GALINUX é un sistema operativo libre, gratuíto e en galego dirixido a tódolos que estean dispostos a usalo. Ningún sistema operativo é sinxelo, todos requiren un proceso de aprendizaxe e adaptación, na miña modesta opinión MAC/OS segue no primeiro posto dos sistemas amigables, WINDOWS é o máis estendido o cal ten moitas vantaxes, e UBUNTU é a distribución que mellor se adapta ós que aterran por vez primeira no planeta GNU/LINUX. GALINUX, que é un UBUNTU personalizado, satisfará a quen busque un sistema pensado para facilitar a vida ás persoas. No meu portátil pórtase como poucos, todo funciona á primeira, WIFI incluída, vai rápido e pide con mesura. Mentres escribo isto con OPEN OFFICE, e escoito música, teño ocupados 306 MB de memoria RAM e pouco máis de 2 GB do disco duro.

Moreas de software. Cada vez que queremos usar un novo programa debemos buscalo, descargalo e instalalo. GALINUX simplifica este proceso co xestor de paquetes SYNAPTIC (ver imaxe). Por exemplo, para instalar un programa de correo electrónico só hai que premer na icona Procurar, escribir mail, e seleccionar unha das opcións (obviamente precisamos conexión a Internet, propia ou dun veciño que nola preste ;). O meu SYNAPTIC ten localizados 25.330 paquetes dispoñibles para instalar! Sen virus, sen atrancos, sen problemas de licencias, por algo lle chaman software libre.

Soporte do idioma. GALINUX fala galego por defecto, os programas, os menús, as iconas... todo. As aplicacións ofimáticas, e o navegador WEB FIREFOX, instálanse co correspondente corrector ortográfico. Non existe aínda software para a revisión gramatical, só un proxecto baseado na experiencia brasileira chamado golfiño. Para aclarar conceptos obsérvese que as seguintes frases son ortograficamente correctas pero teñen erros gramaticais: Os bolboretas abriu as ás. Votar unha cana ó aire.

Que falta?. Ademais do corrector gramatical, bótase en falla o software para usar o DNIe (existe pero non se instala por defecto). Se a administración pública promove o uso dun sistema operativo, o lóxico sería promocionar as ferramentas e os procedementos telemáticos da propia administración. E por último, á pregunta: ¿haberá unha implantación masiva nos ordenadores da Xunta? Fernando Blanco, conselleiro de innovación, contestou: “todo ten un proceso”. Declaración enigmática como a letra dos médicos que me fai lembrar a famosa frase de Alan Greenspan, daquela na Reserva Federal, nunha das súas comparecencias: “Se vostedes pensan que non me expresei con claridade é que non entenderon nada do que dixen”.

Horario de autobuses Arteixo-A Coruña

Este horario é de elaboración propia, pódese descargar e levar no móbil como unha fotografía máis. Publícase porque na web de Autocares Vázquez incomprensiblemente non se ofrece. Advertencia: este horario pode ter erros, escriba a blogarteixo@gmail.com se detecta algún.

Apoloxía do transporte público

Anxelina Casas de Andanza envíame un correo co seguinte texto:
Esta semana Andanza participou na xuntanza de presentación do convenio de transportes da area metropolitana elaborado pola Xunta. Chegou a Arteixo para que a cidadanía presentemos propostas e suxerencias para mellorar o servizo de transporte urbano. As tarifas xa están acordadas, son prezos asequibles mediantes bonos para tódalas compañías da zona.
[...] será complexo modificar itinerarios debido a lei de transportes, podemos facer suxerencias a frecuencias, paradas e incluso variación ou incremento de itinerarios para desplazarnos por transporte de viaxeiros por Arteixo.
Si estás interesada en aportar propostas envíanolas canto antes, para a semana Andanza presentaraas na xuntanza do Governos cos representantes das asociacións. Agradecendo de antemán a túa colaboración, recibe un saúdo de Anxelina, portavoceira de Andanza.

Aproveito a ocasión para agradecer publicamente a Anxelina a información que de cando en vez me envía. Eu, xa posto, teño varias suxestións que inciden na valorización do servicio. Actualmente está desprestixiado e asociado cun status económico baixo (constatación feita sen acritude por un usuario):
  • Mellorar a espera mediante: sinalización das paradas (incompleta), exposición de horarios (inexistente), resgardo das inclemencias (empezando pola estación de autobuses coruñesa).
  • Unha axenda de traballo conxunta para os responsables de transporte da área metropolitana.
  • WiFi en autobuses e paradas.
  • Política de transporte público en Arteixo (u-los plans para xubilados, estudantes...? bip-bip-bip comunica!)
  • Un plan especial para os polígonos industriais. Intentouse en Sabón e fracasou por un deseño defectuoso ó meu entender. Hai que implicar á Asociación de Empresarios, e facer un sondeo previo entre os potenciais usuarios para coñecer as necesidades e os principais atrancos que limitan o uso.
  • O noite bus é unha idea excelente pero debe contar con servizos de seguridade.
  • O horario do último autobús regular deberíase ampliar unha hora na fin de semana (V,S,D).
Moito traballo por facer e complicado, porque os acordos supramunicipais son sempre difíciles e as deputacións habitan universos paralelos. O transporte público, o tratamento de residuos e o abastecemento de auga hai que abordalos desde unha perspectiva metropolitana xa. Antes ou despois os concellos pagarán polas súas políticas egoístas nestas áreas. Saúdos a tódolos sufridores do transporte público.

¿Cal é a solución á crise?

Moito se está a falar de crise ultimamente. E, é verdade, estamos en crise. Os meus colegas andan máis preocupados do normal. Eu tamén. As contas para os vindeiros meses andan xustas. A inestabilidade laboral rolda dun hemisferio cerebral a outro.



O desenvolvemento da sociedade está influenciado por tres elementos básicos: a economía, o ambiente e o socio – cultural. A esto hai que engadirlle as sinerxías e as simbioses que se dan entre eles. Este sistema, tal e como se presenta, leva décadas en desequilibrio por mor da existencia dunha serie de fluxos acíclicos que circulan sempre na mesma dirección. Estes fluxos ou transferencias pódense resumir en:

  • Transferencia de recursos dos máis pobres aos máis ricos
  • Transferencia de recursos dos países subdesenvolvidos aos países desenvolvidos
  • Transferencia de recursos das xeracións futuras ás xeracións presentes

Pero si esto é así desde fai anos, por qué agora estamos en crise e fai catro anos non? Que cambiou nos últimos meses? Evidentemente, a economía foi o que mudou. Dentro deste sistema a economía sempre era unha invariante onde os outros dous elementos estaban supeditados a aquela. E por desgracia, este sometemento non foi suficiente para manter un economía boiante. Asemade, hai que engadir que a percepción humana toma de referencia diferenciais de tempo tan pequenos que os problemas sociais e ambientais non se chegan a sentir con profundidade, pero os económicos si.

Os creadores de opinión – políticos, xornalistas, expertos en todas as disciplinas, etc. - falan de buscar unha nova orde económica. Case sempre introducen a coletilla “sostible” ou “desenvolvemento sostible” en todas as súas frases. Pero realmente que é o desenvolvemento sostible?

No ano 87 do pasado século XX, publicouse co patrocinio da ONU o informe "O noso futuro común" (Our Common Future) – máis coñecido como Informe Brundtland, en honor a primeira ministra de Noruga naquel momento, Gro Harlem Brundtland, que era quen presidía a comisión de elaborar este informe-. Neste informe recollíase por primeira vez o termo Desenvolvemento Sostible:

Aquel capaz de satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer que as xeracións futuras satisfagan as súas necesidades”

Sen dubida unha definición elegante. Pero tan elegante como ambigua. Explícome. Na primeira parte fai mención ás necesidades das xeracións presentes. Pero que necesidades é necesario satisfacer?. Ten as mesmas necesidades un galego que un subsahariano?. E na franxa de Gaza, que necesidades teñen? Estarán preocupados polo paro ou polo cambio climático?. Ou sen ir máis lonxe, ten as mesmas necesidades un cidadán de Meicende que un de Monteagudo? Se continuamos coa definición, de cantas xeracións futuras estamos a falar?. E que necesidades terán as xeracións futuras? Moitas máis que nos? Menos?

Tristemente, detrás destas incertezas, é onde, paradoxalmente, se bican correntes tan opostas como capitalismo e naturalismo, socialismo e liberalismo, a esquerda e a dereita, o progresismo e o conservadorismo, etc. porque todos eles se ven reflectidos e amparados na ambigüidade desa definición. Porén, se me entoxa difícil solución a curto prazo, para esta crise ou para a que xa tiñamos, segundo a óptica coa que se mire.