O xuízo verbal é o xuízo final

Case todo é bo para o demandante nos xuízos verbais. A Lei de Axuizamiento Civil prevé a posibilidade de reclamar, a través de Xuízo Verbal, cantidades que non excedan de 900€, sen necesidade da asistencia de avogado nin de procurador, co conseguinte aforro que isto supón á hora de recorrer á xustiza. Este procedemento está regulado nos artigos 437-447 da citada lei que tamén establece o proceso monitorio para cantidades de ata 30.000€ sempre que se refiran a débedas de cartos, vencidas, esixibles e acreditables documentalmente.
Non é preciso ter presentado con anterioridade reclamación ningunha ante outros organismos como pode ser o Instituto Nacional de Consumo (a miña experiencia é que estas reclamacións adoitan ser infrutuosas), e supón unha saída honrosa para o cidadán que sofre en silenzo os pequenos abusos das grandes compañías que saben que os seus clientes renuncian, en moitos casos, á vía xudicial por medo a gastar máis do reclamado.
Para iniciar o proceso só temos que cubrir este modelo galego/castelán, que inclúe instrucións, e entregalo, xunto cos documentos que acheguemos, con tantas copias como partes implicadas (normalmente dúas copias) no decanato dos xulgados.
Déixovos unha guía polo miúdo editada pola unidade de atención cidadá do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Que facedes?, aínda estades aí mirando? ;)

Margarida da CDU

Ía polo campo e atopei esta margarida que quero compartir convosco. Podedes esfollala, para ver se vos queren -ou non-, pero tamén podedes usala nalgunha biblioteca infantil ou escolar para aprenderlle aos máis cativos a Clasificación Decimal Universal.

A imaxe foi deseñada como elemento de sinalización de gran tamaño (arredor de 70 cm de diámetro), e como nas bibliotecas nunca sobra o presuposto, propoñémosvos un sistema de reprodución económico usando papel A4. Necesítase un pouco de tempo, tesoiras e cola; podedes xuntar un grupo de rapaces e propoñerllo como actividade dentro da biblioteca (algo parecido ao que fai Nike con nenos do terceiro mundo).

E se precisades axuda profesional e boas ideas para organizar a vosa biblioteca, podedes poñervos en contacto con Rosa Destar enviando un correo a rosadestar arroba hotmail punto com. Para imprimir ou descargar este PDF seleccionade a icona da dereita "abrir nunha ventá nova"