O xogo das tres pedras


Corrían os anos oitenta. A rapazada nada na década dos setenta e nos propios oitenta tiñamos cita cada tarde de primavera e verán en El Parque. Se a meteoroloxía e os deberes do colexio o permitían tamén baixamos en época non estival. Eran tempos nos que a oferta de actividades no concello era mínima: Atlético de Arteixo ou Xiradela. A opción do fútbol era a dominadora. Nembargantes, a opción de Xiradela foi unha boa aposta de futuro para os nenos (xénero masculino) por mor de que o ratio nena/neno era moi elevado, cousa que se agradeceu a partires da puberdade. Isto compensou con creces que te adxectivaran de marica cada vez que dicías que ías para Xiradela. Con todo, ámbalas dúas institucións fixeron unha boa labor en tempos onde se vía nacer e medrar a herba, non pola tema da intelixencia, senón porque non había máis que roer.

El Parque e o Balneario eran os únicos lugares de esparexemento que tiñamos os cativos, á marxe doutros non estándares, coma obras sen terminar, a Penouqueira, os solares que abundaban pola contorna do que hoxe coñecemos coma a Peatonal -nos cales se establecían polas festas os coches de choque e o escalextri-, e tamén, si a idade che permitía cruzar "la general" podías gozar da pista polideportiva da Casa da Pradera -agora situada en Larín- ou facer travesuras nalgunha nave abandonada do polígono. Eran as infraestruturas coas que se contaba. Fabas contadas.

En El Parque xuntábamonos unha vintena de rapaces – a veces algún máis-. Chama a atención que A Coruña se denomine agora a Cidade dos Barrios, pero circunstancialmente en Arteixo por aquel tempo xa tiñamos ben delimitados as zonas de procedencia de cada neno: os de Radisgal, os da Cachada, os da Baiuca, os da Catuxa, os de Candame os do Balneario ou os do Centro. Algunha vez baixaban los del Alto o cal facía aumentar as probalidades de trifulca, sobre todo cos da zona de Radisgal, aínda que cada barrio foi tendo o seu apoxeo en canto a forza bruta se refire.

El Parque tiña -e ten- tres espazos ben diferenciados: a planta baixa na que se xogaba ao paredón e aos bancos; unha segunda planta que era onde se desenvolvía o xogo de As tres pedras e unha terceira na parte máis alta e mais cercana ao Concello que contaba cun areeiro, tobogáns e bambáns, normalmente para os máis cativos. Paradoxalmente, a segunda planta apenas se modulou desde entón. Séguese conservando as illas simétricas e axardinadas das esquinas e laterais e o círculo central onde se situaba a palmeira.

O xogo en si o practicaban dous equipos constituídos por un número non concreto de nenos -as veces incorporábase algunha nena, pero menos-. E dicir, podíase xogar un 5 contra 5, un 7 contra 7 e se era venres pola tarde era moi probable chegar a un 12 contra 12. Incluso dependendo da idade os equipos non tiñan porque coincidir en número, se o equilibrio de forzas así o esixía. O terreo de xogo dividíase cunha liña medianeira en dúas partes iguais. A liña facíase preferiblemente cun anaco de escaiola -se non había dispoñible este recurso empregábase un cacho de ladrillo- e discorría polo círculo central cara o centro das escaleiras da terceira planta por un lado e cara o centro das escaleiras de primeira planta por outro. Cada parte era un espello exacto da outra parte, salvando a xente que puidera estar sentada nos famosos bancos de formigón revestidos de pedras, e que as veces incomodaba o desenvolvemento normal do xogo. No centro de cada campo e no extremo máis lonxano á liña medianeira facíase un círculo pequeno onde se situaban as tres pedras -as pedras era un recurso para entón tan abundante como preciado-. Cada equipo tiña que defender as súas pedras e roubar para o círculo do seu campo as pedras do contrincante. Se algún xogador dun equipo era tocado en campo contrario este tiña que pandar inmóbil até que algún do seu equipo o librara. O xogo remataba cando un equipo xuntaba as seis pedras no seu círculo, dándose este por vitorioso.

A fin dunha partida marcaba o comezo doutra cos pertinentes descansos para ir a beber a fonte das Cabancas -de maneira preferible-, xa que a da Baiuca botaba auga morna e ademais comentábase que estaba contaminada.

O que escribe nada sabe de cómo comezou o xogo nin quen o implantou ou si xurdiu do contexto e da necesidade dos rapaces de entón. Perdeuse constancia del, moi a comezos dos anos noventa.