¿Canto custa un quilo de merda?


Aproximadamente -3c€/Kg é o prezo por xunto na comarca coruñesa segundo os datos publicados por La Opinión, supoño que taxas e transporte aparte. O valor é negativo porque o importe págao o vendedor, non o comprador, calquera idea que aproximara este valor a cero sería ben recibida porque os residuos son o pesadelo hiperconsumista.
Ademais do barato que é o lixo, a noticia anterior tamén revela algo que moitas persoas se cadra descoñecían, un tráfico semioculto (barely legal) de camións de vertedoiro en vertedoiro. A ruta fedorenta pasa, ¿como non?, polo concello arteixán que ten a honra de estar no circuíto Coruña-Cerceda, con razón di Losada que os malos cheiros veñen sempre de Arteixo.
Quen estea libre de pecado...
Actualización 2.2.09: Leo en El Correo Gallego edición de papel que, segundo o PP, o vertedoiro de Areosa (Cerceda) recibe 500.000T de lixo cada mes, supoñendo que querían dicir cada ano e aplicando as regras aritméticas habituais, isto tradúcese nunha facturación non inferior a 12.5M€. Fermosa cifra que só é unha parte (rexeitamentos da planta de Cerceda) do total que move o sector na bisbarra coruñesa, de feito, a facturación de Sogama está entre 120 e 200M€. Lembremos que Sogama é unha sociedade de dereito público participada pola Xunta de Galicia (51%) e por Unión Fenosa (49%) que, entre outras cousas, incinera residuos para producir enerxía eléctrica e que conta con varias sociedades privadas satélite. Gran negocio o do lixo pero ¿pódese pedir transparencia entre tanto detrito?.

Pórse as pilas


¿É posible comprar en España un automóbil 100% eléctrico? Pois si, aínda que non haxa moito onde escoller. O Reva é un vehículo claramente orientado ó uso urbano (3 prazas, 65-80Km de autonomía, e 2.6m de lonxitude), aínda que para moitos só será un vehículo de golfistas. Non parece que vaia ser un superHit desde logo, dise que este coche chegou ao mercado español co gallo da candidatura madrileña ós xogos olímpicos de 2012 e que non pasará de anécdota. Se cadra o peor é o desempeño das baterías convencionais de chumbo, aínda que a marca promete substituílas por outras de litio no primeiro semestre deste ano. Hai que salientar, non obstante, algunhas características novidosas que poñen os pelos de punta ás compañías petroleiras e ós fabricantes de automóbiles convencionais:
  • Custa 6.000-9.000€ e non precisa cambios de aceite, filtros, ...
  • O consumo é de 1€ cada 65-80Km (cinco veces menos que un diésel).
  • Pódese recargar en calquera enchufe doméstico.
A última é especialmente perigosa, non se pode consentir que a xente perda o hábito de ir á gasolineira, empézase por aí e acábase na autosuficiencia enerxética, ¡o colmo!.

Relacionado.
Who killed the electric car? é unha historia antigua e famosa, pero se alguén non a coñece pode informarse aquí: vídeo (10m) en youtube (preceptivo javascript e flash), artigo en wikipedia.

¿Democracia 2.0?

¿Democracia directa ou indirecta? ¿Temos unha Democracia evolutiva ou involutiva? ¿Son eficaces os sistemas parlamentarios actuais? ¿A administración toma as mellores decisións para o interese xeral? ¿Son necesarios os partidos políticos?....


Estamos na era do triunfo da intelixencia colectiva. As wikis, o Open Source, as Web 2.0, os Bancos de Ideas responden a esta filosofía. Estas ferramentas empezan a rachar coa dependencia catalizadora que a poboación ten das grandes institucións, das grandes empresas, das administracións e dos grandes magnates que son os que até agora marcan o ritmo e a pauta no devir diario dos cidadáns.

No ámbito da Gobernanza, cada catro anos, a poboación cédelle a un ou varios partidos políticos - ou a todo un parlamento - a capacidade de decisión, de lexislar, de determinar e de establecer as directrices que marcan as nosas vidas. Para camuflar esta Democracia de baixa intensidade existen ferramentas ornamentais - normas e convenios de participación cidadá para a toma de decisións, iniciativas lexislativas populares ( 500.000 firmas!!!!), etc. - que dubidosamente gozan de funcionalidade algunha -seguramente porque os propios gobernantes se encargan de mingualas para non perder a súa alícuota de poder-.

Platón define Democracia como goberno da multitude, e dicir, como unha organización de persoas na que o poder reside na totalidade dos seus membros e as decisións as toman todos os seus membros. Partindo desta certidumbre, ¿non teremos un sistema democrático demasiado desvirtuado?.

Recentemente, o blog oficial de Menéame recollía a noticia de que o goberno estaba estudando o algoritmo de Karma para modificar a Lei Electoral. Sen dúbida, si isto fose así, sería unha magnifica noticia para comezar o tránsito dunha Democracia indirecta a unha Democracia directa, a unha Democracia libre, a un wikigoberno, que asegure a participación cotiá de toda a sociedade na toma de decisións.

A tecnoloxía está preparada e desmostra a súa viabilidade día tras día. Contrariamente, é de supoñer que os detractores a esta corrente basearanse no precepto de que as novas tecnoloxías non se empregan pola totalidade da poboación. E, efectivamente, existen esferas da sociedade que aínda teñen pouca empatía polas TIC's, pero nos ultimos anos moito se ten mellorado neste senso, e é de esperar, que en poucos anos se obture a brecha dixital existente entre os distintos sectores de poboación. ¿Que pasará entón? ¿Entrará este tema no debate político?


Cacería



Eu bombardeo
Ti xustificas
Él cala
Nós rezamos
Vós presenciades
Eles morren

Sigan este rastro..., ou estoutro.

WiFi e servizos públicos


O respectado economista Paul Samuelson estableceu dous principios, amplamente aceptados pola súa utilidade, para definir os bens públicos:
  1. Non exclusividade: Ninguén pode acaparar o seu uso exclusivo.
  2. Non rivalidade: Uns usuarios non limitan as posibilidades dos outros.
Un exemplo clásico é o servizo de orientación prestado polos faros. Ningún barco pode acaparar a súa luz (non exclusividade) e, como hai para todos non compiten por ela (non rivalidade). Estes principios son só orientativos porque nunca se cumpren absolutamente. O primeiro deles impide que o fareiro faga negocio porque non pode alumear só ós barcos que paguen, o segundo fai que o custo do servizo sexa independente do número de usuarios, a luz que guía a uns serve tamén para os outros (este drama é o da propiedade intelectual en internet). A comparación entre un punto de acceso WiFi e un faro é especialmente feliz; limitando o ancho de banda individual evítanse usos acaparadores e unha vez feita a instalación, o custo será o mesmo para un usuario que para cincuenta. As frecuencias WiFi non están suxeitas a licencia, son libres; foron desbotadas para uso comercial pola súa sensibilidade a fenómenos meteorolóxicos adversos como choiva ou névoa.

Sorprenderá saber que en España temos a rede WiFi libre máis grande do mundo. Un proxecto cidadán con máis de 5.000 nodos e un crecemento exponencial, guifi.net é unha iniciativa cidadá espontánea de calado internacional que garda moitas semellanzas en funcionamento e principios co software libre; a súa repercusión mediática, sen embargo, é inferior ás famosas sancións que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) impuxo a varios concellos, pero a lexislación europea, e a española en particular, están a mudar baixo presión popular. Os casos de Londres, NY e outras grandes cidades pódense rastrear en Google para comprobar que o mundo, ás veces, móvese "e puor si muove". A marea xa está aquí, e a CMT aclara no seu blog:
la ley general de telecomunciaciones especifica que las administraciones públicas pueden dar servicios de telecomunicaciones en condiciones que no distorsionen la competencia.
As condicións impostas recentemente polo regulador no famoso caso do Ayuntamiento de Avilés, foron que o servizo podía ofrecerse gratuitamente ós cidadáns si non se financiaba con cargo ós presupostos municipais, senón mediante publicidade de terceiros sen vínculos mercantís co consistorio. Esta resolución saca ó WiFi público da UCI. Máis vale tarde que nunca, porque poucos dos moi poucos que lean esta entrada saberán que no concello de Arteixo houbo varias iniciativas para crear unha rede WiFi pública. A primeira coa que eu estiven relacionado, foi hai seis anos, pouco antes do peche da de Barcelona e as sancións antes mencionadas. Houbo máis, pero ningunha prosperou; sirva esta entrada de recoñecemento ós pioneiros e como constatación de que o seu fracaso foi o de todos. Vai sendo hora de que os Concellos, así con maiúsculas, tomen a iniciativa. Berren xuntos porque é a única posibilidade de que os escoiten: ¡¡Vai sendo hora!!
P.D. Quede claro que nin a lexislación europea nin a española consideran ás telecomunicacións "servizos públicos", senón "servizos de interese xeral" en réxime de competencia, seguindo unha resolución de 1994 da Organización Mundial do Comercio (WTO) en Marrakech, ó rematar a Ronda Uruguay, que orixinou cambios lexislativos e privatizacións de monopolios estatais na UE.

Sobre este blog

Este non é un blog calquera, é un proxecto conxunto de profesionais serios, un circo de varias pistas con ananos, trapecistas, cabras amestradas e todo o que un bo espectáculo debe ter: estrutura, ritmo e sorpresa. Contamos con tecnoloxía capaz de poñer calquera texto en cursiva, copiapega, e outras funcións que nin sequera comprenderían; medios ilimitados, charlatáns cualificados, forzudos da neurona, domadores de opinión... Parafraseando a Pedro Solbes: non quero abrumalos con cifras pero prepárense para o peor en 2009.