
O respectado economista
Paul Samuelson estableceu dous principios, amplamente aceptados pola súa utilidade, para definir os
bens públicos:
- Non exclusividade: Ninguén pode acaparar o seu uso exclusivo.
- Non rivalidade: Uns usuarios non limitan as posibilidades dos outros.
Un exemplo clásico é o servizo de orientación prestado polos faros. Ningún barco pode acaparar a súa luz (non exclusividade) e, como hai para todos non compiten por ela (non rivalidade). Estes principios son só orientativos porque nunca se cumpren absolutamente. O primeiro deles impide que o fareiro faga negocio porque non pode alumear só ós barcos que paguen, o segundo fai que o custo do servizo sexa independente do número de usuarios, a luz que guía a uns serve tamén para os outros (este drama é o da propiedade intelectual en internet).
A comparación entre un punto de acceso WiFi e un faro é especialmente feliz; limitando o ancho de banda individual evítanse usos acaparadores e unha vez feita a instalación, o custo será o mesmo para un usuario que para cincuenta. As frecuencias WiFi non están suxeitas a licencia, son libres; foron desbotadas para uso comercial pola súa sensibilidade a fenómenos meteorolóxicos adversos como choiva ou névoa.
Sorprenderá saber que en España temos a rede WiFi libre máis grande do mundo. Un proxecto cidadán con máis de 5.000 nodos e un crecemento exponencial,
guifi.net é unha iniciativa cidadá espontánea de calado internacional que garda moitas semellanzas en
funcionamento e
principios co
software libre; a súa repercusión mediática, sen embargo, é inferior ás
famosas sancións que a
Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) impuxo a varios concellos, pero a lexislación europea, e a española en particular, están a mudar baixo presión popular. Os casos de
Londres,
NY e outras grandes cidades pódense rastrear en Google para comprobar que o mundo, ás veces, móvese
"e puor si muove". A marea xa está aquí, e a CMT aclara no seu blog:
la ley general de telecomunciaciones especifica que las administraciones públicas pueden dar servicios de telecomunicaciones en condiciones que no distorsionen la competencia.
As condicións impostas recentemente polo regulador no famoso
caso do Ayuntamiento de Avilés, foron que o servizo podía ofrecerse gratuitamente ós cidadáns si non se financiaba con cargo ós presupostos municipais, senón mediante publicidade de terceiros sen vínculos mercantís co consistorio. Esta resolución saca ó WiFi público da UCI. Máis vale tarde que nunca, porque poucos dos moi poucos que lean esta entrada saberán que no concello de Arteixo houbo varias iniciativas para crear unha rede WiFi pública. A primeira coa que eu estiven relacionado, foi hai seis anos, pouco antes do peche da de Barcelona e as sancións antes mencionadas. Houbo máis, pero ningunha prosperou; sirva esta entrada de recoñecemento ós pioneiros e como constatación de que o seu fracaso foi o de todos. Vai sendo hora de que os Concellos, así con maiúsculas, tomen a iniciativa. Berren xuntos porque é a única posibilidade de que os escoiten: ¡¡Vai sendo hora!!
P.D. Quede claro que nin a lexislación europea nin a española consideran ás telecomunicacións "servizos públicos", senón "servizos de interese xeral" en réxime de competencia, seguindo unha resolución de 1994 da Organización Mundial do Comercio (WTO) en Marrakech, ó rematar a Ronda Uruguay, que orixinou cambios lexislativos e privatizacións de monopolios estatais na UE.