Galinux mola!


Esta fin de semana andei enredado co GALINUX e decidín adoptalo como sistema operativo principal, as razóns non son sentimentais senón prácticas. A facilidade da instalación e o ben que funcionou todo decidírono así. Para quen queira probalo aí vai unha guía en catro pasos con axuda especialmente dirixida aos usuarios de WINDOWS:
  1. Descargar. A imaxe do CD (formato ISO: 660 MB).

  2. Gravar. Se ten un programa para gravar CD e sabe usalo adiante, senón descárgueo nesta páxina

  3. Arrancar. Reinicie o ordenador co CD do GALINUX dentro e seleccione no menú o modo de proba. O tempo de carga superará os dous minutos pero á fin comprobará se funciona correctamente no seu ordenador.

  4. Instalar. Antes de nada lea isto, e isto, imprímao, e asegúrese de comprendelo, se lle resulta moi difícil pida axuda a algún amigo con experiencia ou acuda a un profesional. Adiante, arranque como no punto anterior e seleccione a icona instalar. Poderá botar unha partida ó solitario ou navegar por internet mentres o sistema se instala.

Quen teña problemas cos pasos 1 e 2 pode optar por pedir CD e consello no punto de distribución que mellor lle cadre.

Que é? A quen vai dirixido?. GALINUX é un sistema operativo libre, gratuíto e en galego dirixido a tódolos que estean dispostos a usalo. Ningún sistema operativo é sinxelo, todos requiren un proceso de aprendizaxe e adaptación, na miña modesta opinión MAC/OS segue no primeiro posto dos sistemas amigables, WINDOWS é o máis estendido o cal ten moitas vantaxes, e UBUNTU é a distribución que mellor se adapta ós que aterran por vez primeira no planeta GNU/LINUX. GALINUX, que é un UBUNTU personalizado, satisfará a quen busque un sistema pensado para facilitar a vida ás persoas. No meu portátil pórtase como poucos, todo funciona á primeira, WIFI incluída, vai rápido e pide con mesura. Mentres escribo isto con OPEN OFFICE, e escoito música, teño ocupados 306 MB de memoria RAM e pouco máis de 2 GB do disco duro.

Moreas de software. Cada vez que queremos usar un novo programa debemos buscalo, descargalo e instalalo. GALINUX simplifica este proceso co xestor de paquetes SYNAPTIC (ver imaxe). Por exemplo, para instalar un programa de correo electrónico só hai que premer na icona Procurar, escribir mail, e seleccionar unha das opcións (obviamente precisamos conexión a Internet, propia ou dun veciño que nola preste ;). O meu SYNAPTIC ten localizados 25.330 paquetes dispoñibles para instalar! Sen virus, sen atrancos, sen problemas de licencias, por algo lle chaman software libre.

Soporte do idioma. GALINUX fala galego por defecto, os programas, os menús, as iconas... todo. As aplicacións ofimáticas, e o navegador WEB FIREFOX, instálanse co correspondente corrector ortográfico. Non existe aínda software para a revisión gramatical, só un proxecto baseado na experiencia brasileira chamado golfiño. Para aclarar conceptos obsérvese que as seguintes frases son ortograficamente correctas pero teñen erros gramaticais: Os bolboretas abriu as ás. Votar unha cana ó aire.

Que falta?. Ademais do corrector gramatical, bótase en falla o software para usar o DNIe (existe pero non se instala por defecto). Se a administración pública promove o uso dun sistema operativo, o lóxico sería promocionar as ferramentas e os procedementos telemáticos da propia administración. E por último, á pregunta: ¿haberá unha implantación masiva nos ordenadores da Xunta? Fernando Blanco, conselleiro de innovación, contestou: “todo ten un proceso”. Declaración enigmática como a letra dos médicos que me fai lembrar a famosa frase de Alan Greenspan, daquela na Reserva Federal, nunha das súas comparecencias: “Se vostedes pensan que non me expresei con claridade é que non entenderon nada do que dixen”.

2 comentarios:

  1. Para os que xa teñan Ubuntu instalado e queiran galeguizalo, hai un procedemento sinxelo descrito en: http://wiki.mancomun.org/index.php/Como_usar_o_repositorio_de_Mancomún , basta con seguir os tres pasos explicados aquí: dicirlle ó noso sistema onde están os paquetes, instalar a clave criptográfica que permite verificar a autenticidade dos mesmos, e instalar os que prefiramos. No meu caso só araos-g11n.

    ResponderEliminar
  2. Meus parabéns para a Consellería de Industria pola promoción do software libre. En resposta a pregunta arriba feita, sinceramente, non creo que na Xunta se dea unha migración masiva cara o software libre. As administracións teñen unhas inercias tan grandes que moitas veces é difícil que unha liña política se estableza nelas. Todo dependerá da implicación do funcionarado, que persoalmente me da que está bastante acomodado para meterse neses “enredos”.

    O galinux non é máis que a distribución Hardy Heron de Ubuntu 8.04. Eu tívena instalada uns meses e vai realmente ben. O galinux necesita actualizacións do kernel e tamén dalgún softvare común como openoffice, Totem ou Gimp. A día de hoxe, existe un distribución máis recente de Ubuntu que é a 8.10 (Intrepid Ibex). Por certo, tamén se pode personalizar en galego.

    Neste link deixo un artigo dunha experiencia para persoal para implemantación do software libre.

    http://dividiendoentrecero.blogspot.com/2009/02/mi-fallida-experiencia-con-el-software.html

    iTor Ito

    ResponderEliminar