
Nas nosas relacións co notario, co banco, coa Administración..., hai dous trámites inescusables: identificarse e asinar documentos. O DNIe leva este binomio ó mundo do bit; sen estendernos en razoamentos criptográficos, a sinatura electrónica é unha operación matemática sobre un arquivo informático que permite identificar posteriormente a quen a fixo, igual que se estampara a firma caligráfica. O meu olfacto di que as vantaxes (rapidez, eficiencia, comodidade,...) hanse impoñer aos inconvenientes (dificultade de uso, maior control sobre as persoas,...).
Estritamente falando o DNIe non é algo novidoso, só é a implantación masiva do que CERES (organismo da FNMT) leva anos facendo: emitir certificados de identidade dixital. No gráfico seguinte, que forma parte dunha enquisa elaborada por este organismo, recóllense os usos maioritarios e a valoración que os cidadáns fan dos servizos telemáticos. Os certificados CERES son unha opción para os que non dispoñan de DNIe, e hai quen opina que son mellores.
A implantación masiva da identidade dixital supón un reto para as Administracións Públicas e as entidades privadas que teñen que adaptarse á nova situación, pero tamén oportunidades; por exemplo, algúns bancos xa permiten usar nos caixeiros o novo Documento, e o seu uso hase de ir xeneralizando no e-comercio. Poden consultar a seguinte relación de e-servizos, necesariamente incompleta, para comprobar en que punto do camiño estamos. O artigo anterior deste blogue contén indicacións para quen queira usar o DNIe desde casa, saiban tamén que no teléfono gratuíto 900 364 463, e máis en soporte@dnielectronico.es atoparán axuda.
Observen que o título desta entrada ameaza con soporíferas continuacións. Quen sabe...