Que pena Copenhague!




Había un obxectivo claro:

"Establecer un acordo xurídico vinculante sobre o clima, válido en todo o mundo, e que se aplicará a partir de 2012, ano que remata Kyoto"

Pois ben, despois de dúas semanas de xuntanza, os gobernos de todo o mundo -acompañados dos mellores asesores, dos mellores economistas, dos mellores científicos- chegan a un acordo que se redacta en tres míseros folios (xa o di todo) e que se pode resumir nos seguintes ítems:

  • Acordo non vinculante
  • Non se establecen cotas de emisión
  • Non se inclúe o concepto de verificación de emisións
  • Acórdase que a temperatura non suba máis de dous grados

É dicir, non se acordan limites de emisión pero se acorda, con dos cojones, -perdón pero o enfado é monumental- que a temperatura non suba máis de dous grados. E me pregunto eu, como se fai iso? Onde esta o termóstato do clima para poder dicir dous grados arriba ou dos grados abaixo. Me cago en la ostia, que en Copenhague estaban os mellores científicos do mundo, os expertos máis cualificados en materia de Cambio Climático. Como o permiten? Que o asunto é grave! Por favor, que isto se estuda en secundaria. Que calquera rapaz sabe que os cambios climáticos non son lineais nin se poden controlar por mor da disparidade de variables sinérxicas que lle atinxen, tanto naturais como antropoxénicas (inmision de CO2 e outras substancias incrementadoras do efecto invernadoiro, efecto albedo, variacións solares, cambio dos parámetros termo – halinos das correntes mariñas, etc...) Porén, existen informes tan dispares nos que se prognostican desde glaciacións até modelos que predicen que a temperatura media do planeta pode subir varios grados.

Sen dúbida, o atentado que se fai con este acordo ao coñecemento científico é grande. Pero máis grave, é que nos venderon Copenhague como o elixir do desenvolvemento sostible onde o capitalismo deixaría paso ao modelo de desenvolvemento ambientalista, onde as chamadas economías competitivas - tan destrutivas e creadoras de desigualdades- se trocaran por enconomías competentes, máis amigables e que reducen a brecha entre ricos e pobres e ademais teñen interiorizado o concepto dunha Terra finita.

En definitiva, creo que este desatino deixa patente que ante o fracaso do modelo capitalista que desembocou na crise económica actual, o remedio está en verter mais doses de capitalismo. Xa se sabe, “semejante disuelve a lo semejante”. Que pena Copenhague!

No hay comentarios:

Publicar un comentario