Manual de manipulación

- Para que axencia fai vostede publicidade?
- Para ningunha, son xornalista.
- Pois para que xornal daquela?

Capítulo 1. Asociación (in)voluntaria. Oído onte na radio: "Zapatero anuncia un recorte na emisión de publicidade televisiva e a cotización das cadeas de televisión dispárase na bolsa". Nada que ver, claro está, co feito de que o ministro de Industria, Miguel Sebastián, metera man á chistera e sacara unha TDT de pago.

Capítulo 2. Silencio. Leva unha semana no cargo a nova ministra de "Cultura", Ángeles González Sinde, e xa fixo subir a temperatura na rede. Un clamor de bits solicita a súa dimisión mentres o periodismo serio cala.

Visiten a web de Ernesto Rodera, paga a pena.

Máis madeira, é a guerra

Móvense os verdadeiros fíos de poder e a actividade ministerial acelérase. A bloguesfera española levanta barricadas e promete que esta vez "non pasarán", que teñen que caer o ministro Molina e máis o secretario para as telecomunicacións Francisco Ros. Mobilízanse algúns pesos pesados da Internet española, preocupados porque, co gallo de perseguir o P2P, o Estado ameaza a liberdade. Enésima reedición de Saturno devorando aos seus fillos.
Carta aberta ao Ministro de Industria. Asociación de Internautas.
Guía para dar de baixa un ADSL esterilizado. ExGAE.
Conferencia en "La Casa Encendida". Carlos Sánchez Almeida.

Un amor en cada porto

Escribiume a ministra Magadalena Álvarez para comunicarme a aprobación definitiva do proxecto da estrada que unirá o porto de Arteixo coa A6. Para os que non estean interesados nos detalles deixo esta imaxe na que se ve, de amarelo pálido, o trazado definitivo, recoméndolles ampliala.

Desbótase, por careiro (31.4 M€), o rescate da peaxe na AG55, pese a que tres quilómetros do seu trazado serán de tránsito obrigado para acceder ao porto (liña vermella descontinua). O tráfico non pasará polas cabinas da peaxe (punto vermello), pero Fomento desembolsará 7.9M€ por este concepto, isto coñécese como peaxe na sombra. Varias son as discrepancias entre nós Magdalena:

  1. ¿Non é un agravio comparativo, para outros expropiados que Fomento negocie un acordo coa concesionaria da AG55?, «... la viabilidad de esta alternativa depende del acuerdo entre el Ministerio de Fomento, la empresa concesionaria de la Autopista AG55 y la Consellería...». (Memoria páx.21)

  2. ¿Non é verdade que Arteixo recibe o impacto dunha vía de alta capacidade que fractura o seu territorio, mentres A Coruña obtén un acceso rápido bidireccional pola Grela, pese a que: «El vial que se diseña pretende conectar la A6 con el Puerto Exterior».

  3. ¿E non é certo tamén que a concesionaria da AG55 conserva o que tiña, e mellora por dous conceptos? A indemnización da peaxe en sombra A6-Porto Exterior, e o incremento do tráfico de mercadorías noutros puntos de peaxe.

Ao meu entender, Magdalena (e mira a pasta que aforras), non cabe o abono da peaxe en sombra porque non se priva a Autoestradas “de Galicia” dun só céntimo da concesión que xa explota. A indemnización de 7.9M€ supón unha ampliación solapada da actual concesión. Correspondería, non obstante, indemnizar polo mantemento e conservación dos 3Km de autoestrada que usará o tráfico portuario (non máis de 1M€ segundo cálculos propios baseados nos datos do estudo preliminar).

Resumindo. Non nos libramos da ignominiosa peaxe, ampliámola cun plan Marshall inverso, e obramos para que A Coruña poida ter un amor en cada porto, no seu, e máis no de Arteixo (Asturias quiere a Navarra). Vaia un minuto de silencio por Suevos, Rañobre, e o Portiño de Suevos.

Eleccións en Galicia 2009

O resultado dunhas eleccións limpas é xusto, por definición. Pero, cal é o resultado destas? O da dereita ou o da esquerda?. Déixolles estas tortas como sobremesa (o sector verde non é de kiwi, é de "outros").

A diferenza val unha maioría absoluta... made in D'Hondt.

Actualización (15/03/2009). O resultado definitivo das eleccións tras o escrutinio do 100% dos votos é este:

A evolución do voto, dos tres partidos con representación, respecto ás autonómicas de 2005 foi: PP +4.029, PSOE -72.246, BNG -44.323. Suso de Toro resumiu esta exigua melloría do PP, fronte ao afundimento do bipartito, cun oxímoro, "vitoria inmerecida, derrota merecida". En Arteixo: PP +1.196, PSOE -115, BNG -844, excelente resultado do PP, e malos presaxios para o BNG.

Homo digitalis (I)

A Lei 59/2003 de sinatura electrónica, transposición da Directiva 1999/93/CE, atribúe ó Documento Nacional de Identidade (DNIe) novas utilidades, como: acreditar a identidade do titular de xeito telemático, e firmar os documentos electrónicos. O novo mecanismo permite establecer relacións legalmente válidas a través de Internet, tal e como se fixo durante máis de cincuenta anos co vello Documento no mundo físico. Quen renove o seu DNI de papel, adquire algo que antes non tiña: unha identidade dixital avalada polo Estado español.

Nas nosas relacións co notario, co banco, coa Administración..., hai dous trámites inescusables: identificarse e asinar documentos. O DNIe leva este binomio ó mundo do bit; sen estendernos en razoamentos criptográficos, a sinatura electrónica é unha operación matemática sobre un arquivo informático que permite identificar posteriormente a quen a fixo, igual que se estampara a firma caligráfica. O meu olfacto di que as vantaxes (rapidez, eficiencia, comodidade,...) hanse impoñer aos inconvenientes (dificultade de uso, maior control sobre as persoas,...).

Estritamente falando o DNIe non é algo novidoso, só é a implantación masiva do que CERES (organismo da FNMT) leva anos facendo: emitir certificados de identidade dixital. No gráfico seguinte, que forma parte dunha enquisa elaborada por este organismo, recóllense os usos maioritarios e a valoración que os cidadáns fan dos servizos telemáticos. Os certificados CERES son unha opción para os que non dispoñan de DNIe, e hai quen opina que son mellores.

A implantación masiva da identidade dixital supón un reto para as Administracións Públicas e as entidades privadas que teñen que adaptarse á nova situación, pero tamén oportunidades; por exemplo, algúns bancos xa permiten usar nos caixeiros o novo Documento, e o seu uso hase de ir xeneralizando no e-comercio. Poden consultar a seguinte relación de e-servizos, necesariamente incompleta, para comprobar en que punto do camiño estamos. O artigo anterior deste blogue contén indicacións para quen queira usar o DNIe desde casa, saiban tamén que no teléfono gratuíto 900 364 463, e máis en soporte@dnielectronico.es atoparán axuda.

Observen que o título desta entrada ameaza con soporíferas continuacións. Quen sabe...

Galinux e o DNIe. Instalación

Aí vai unha guía minimalista para usar o DNIe con Galinux. Para os usuarios de Mac recomendo as explicacións de MacPollo, e para os de Windows este PDF. A web de referencia para todos é: www.dnielectronico.es. Antes de comezar precisamos un lector de tarxetas intelixentes conectado ó ordenador, co carné de identidade inserido.

  1. Instalar os drivers do lector. Ó comprarmos un lector (arredor de 20€), debemos comprobar a compatibilidade co DNIe e mais co noso sistema operativo. O da foto (dixerindo unha tarxeta de bus urbano ;) é da empresa española C3PO. Trae un CD con drivers e manuais que non precisaramos, porque desde o Xestor de paquetes SYNAPTIC podemos instalar todo o necesario: pcscd, libccid, libpcsclite, libusb.
  2. Axustes no sistema. Resumo os pasos da Guía de instalación do DNIe que hai que seguir en Galinux. Novamente con SYNAPTIC instalamos: opensc, libopensc2, mozilla-opensc, pinentry-gtk2, openct, libopenct1, libpcsclite1, libc6, libccid, libltdl3, libopenct1, libssl0.x.x, zlib1g. Hai software propietario subministrado pola Administración que debemos descargar, descomprimir, e instalar cun dobre clic. Finalmente, reiniciamos o sistema.
  3. Axustes no navegador (hai que ter JavaScript activado). Estes axustes fanse automaticamente pero, se algo fallara, podemos proceder así: na barra de direccións de FireFox pegamos: /usr/share/opensc-dnie/instal_dnie/instala_modulo.htm e seguimos as instrucións. Procedemos igual con: /usr/share/opensc-dnie/ac_raiz_dnie.crt para instalar o certificado da Policía (marcamos as tres opcións).

Buff! "xa" está, podemos comprobar que o invento funciona facendo este test.

Novo candidato do Partido Pirata?

Saltou a lebre e esta vez non había xuíces nin ministros cerca co trabuco preparado. Emilio Botín (vídeo imprescindible) ven de solicitar á Comisión Nacional do Mercado de Valores que autorice un curral financeiro por dous anos na súa banca privada Banif. A noticia esclarece a magnitude e a natureza desta crise. Resumoo antes de explicalo: para saír rápido desta situación a banca tería que asumir perdas enormes, e iso non sucederá porque “a casa" sempre gaña.

Os bancos levan meses aceptando inmobles como pagamento de créditos que non poden cobrar. Creáronse sociedades para xestionar esta situación anómala, Altamira no caso do Santander, Anida no do BBVA, Aliseda no do Popular... Sociedades que segundo cálculos non fiables tiñan un patrimonio superior a 10.000M€ a finais de 2008. Desta maneira maquillan:

  • As estatísticas de morosidade, porque os créditos anótanse como devoltos.

  • Os beneficios dos bancos, porque os inmobles adquiridos táxanse por riba do valor real (o de mercado se se puxeran á venda).

O truco está ben pensado, só hai un problema: a liquidez. Por iso, cando os clientes do maior fondo inmobiliario español, o Banif inmobiliario, solicitaron a devolución de 2.617M€, o 80% do total investido, tocaron o corazón de Botín. A devolución desta cantidade obrigaría ó Santander a vender inmobles con descontos que superarían o 30% do valor de taxación, así está o mercado. Dito doutro xeito: o prezo da vivenda baixaría, por fin, no país onde sempre sobe. Botín saca peito e di que os cartos non se poden devolver, que hai que aplicar unha moratoria de dous anos, un "corralito", pero polo que máis queiran non usen esa palabra.

Conclusión: Non é difícil ver que os bancos dan por feito que o prezo da vivenda non baixará substancialmente, e que dentro de dous anos o peor da crise terá pasado. Se de min dependera, terían que poñer en venda a súa carteira inmobiliaria antes de recibir axuda pública, isto aceleraría as súas perdas desde logo, pero tamén a recuperación do país. O valor das letras, sexan ou non do Tesoro, é o que nos permite distinguir entre meu e teu, ou entre Banco de España e banco de España. Ogallá cheagara o despido libre para algúns.